Thursday 02 de May de 2024

Últimas prazas para anotarse nas actividades gratuítas para persoas adultas en Brión con motivo do 25 de novembro


A oferta inclúe charlas para maiores e homes, teatro, un obradoiro de autodefensa e unha andaina polo bo trato

Últimas prazas e últimas horas para anotarse nas actividades programadas polo Departamento de Igualdade do Concello de Brión (@igualdade_brion) para conmemorar o 25 de novembro. Unha oferta variada e gratuíta que inclúe charlas para maiores e para homes, teatro, un obradoiro de autodefensa e a volta da andaina a prol do bo trato. O prazo de inscrición rematará mañá 17 de novembro no formulario web https://cutt.ly/PRUMmmM, enviando un mail a bea@briondixital.org ou chamando ao teléfono 981 50 99 10.

Toda a programación terá lugar no centro social polivalente de Brión, con excepción da andaina e a lectura do manifesto do 25 de novembro. O luns 22 de novembro, ás 11:00 horas, terá lugar “Violencias machistas nas mulleres maiores”, unha proxección e debate dirixida a persoas maiores de 65 anos. O martes 23, de 19:45 a 21:45 horas, Xosé Cabido impartirá o obradoiro “Masculinidades Positivas: construíndo novos xeitos de ser home”, dirixida a homes maiores de 16 anos.

O mércores 24, ás 20:00 horas, porase en escena “Tabú”, unha obra teatral de Carme Conde realizada a través de conversas con mulleres maiores de diferentes puntos de Galicia sobre os tabús, a picaresca e o secretismo que había en torno ao sexo e á sexualidade nos tempos de antes. O xoves 25 de novembro, ás 12:00 horas, terá lugar un acto de lectura do manifesto contra a violencia de xénero e dunhas poesías da campaña “De Fronte”. Será na praza do Concello de Brión, edificio que pola noite estará alumeado de lila.

O venres 26, de 18:00 a 20:00 horas, Cristy Tojo, campioa europea de Parakarate e experta en autodefensa feminista do Clube Deportivo Avalon Kai, impartirá un Obradoiro de Autodefensa dirixido a mulleres maiores de 16 anos. Finalmente, o sábado 27 de novembro, ás 10:30 horas, terá lugar a Andaina “A prol do bo trato”, cun percorrido de 10 km con saída e chegada na carballeira de Santa Minia.